A Marea Galeguista iniciou a campaña en Compostela, coa ilusión de acadar representación no Parlamento de Galicia, precisando que o obxectivo «non é só botar a Feijóo», senon «reconstruírmos o país». Iso co PP na oposición.
«A cidadanía está farta da polarización política e reclama unha forza que, sen dependencias, aposte por unha nova normalidade xusta, sostible e na que ninguén quede atrás» declarou o candidato Pancho Casal.
Asegurou que a coalición formada por En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista “recollemos espírito de Castelao e de Bóveda, dun galeguismo progresista e integrador que quere que o país avance».
Soberanismo cidadán e democrático
E avogou por aproveitar todas as competencias de Galicia:»O goberno de Feijóo semella que non leu nunca o noso Estatuto de Autonomía, onde se recolle, por exemplo, que a política industrial é competencia exclusiva da Xunta de Galicia».
Casal reivindicou «o soberanismo cidadán e democrático» para «decidirmos sobre as cousas que nos afectan» e sinalou que «o 12 de xullo seremos a chave dun goberno progresista en minoría» porque «o importante non é entrar no goberno a toda costa», senon «facer política útil para as mulleres, para as mozas, para os pensionistas, para as traballadoras, para todas, voten a quen voten».