O candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia reivindica a necesidade “dun goberno progresista liderado polo PSdeG-PSOE” cunha “nova folla de ruta” que apoie aos sectores produtivos “cara un novo modelo que se adapte ás novas circunstancias” e no que “os autónomos poidan sobrevivir”.
Escoita aquí o audio coa entrevista en Radio Xallas
Para Gonzalo Caballero “Feijóo en materia económica foi un desastre ao longo destes once anos. Temos ó sector industrial e o primario máis debilitados. Temos menos emprego e menos posibilidades para a xente máis nova”.
O secretario xeral do PSdeG promete “loitar contra a curva da desigualdade, non queremos que ningún galego se quede atrás. Necesitamos un contrato social coa galegos para unha nova etapa”.
En defensa da xestión de Pedro Sánchez
Considera que agora mesmo “hai que priorizar a seguridade sanitaria para que non haxa rebrotes. Os níveis de control do goberno do estado foron a mellor defensa de todos e todas”
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, defendeu a xestión do goberno de Pedro Sánchez no relacionado co coronavirus:”Hai un goberno en España que está tomando decisións moi importantes para Galicia. O único que fixo Feijóo foi confrontar co goberno de España. Converteuse nun seguidor de Casado”.
«O confinamento impediu que o virus circulase por Galicia»
Nesta mesma liña opina que “o goberno do estado encontrouse cunha situación inédita en máis de cen anos. E tomou decisións de moito calado. O confinamento impediu que o virus circulase en Galicia.Esta crise estase xestionando dunha forma moi distinta a como se xestionaron outras crises. Hai dez anos cando chegou a grande recesión, o PP tomo a decisión de salvar aos bancos. Pero non se tomaron decisións para protexer á cidadanía”.
Caballero asegurou que “máis de 200.000 galegos recibiron ingresos a través dos ERTE e máis de 60.000 galegos autónomos recibiron por primeira vez na historia unha prestación extraordinaria”.Cualificou de “decisión histórica” o Ingreso Mínimo Vital e non descatrou pedir que se xestione desde Galicia.
«Propoñemos unha nova etapa de benestar»
Agora o seu obxectivo é “activar ao electorado progresista” despois de que Alberto Núñez Feijóo convocara “unilateralmente” as eleccións para o 12 de xullo:”Intenta aparentar que é un gran estadista pero o final é o xerente do PP aquí en Galicia , un peón máis na estratexia de Casado”.
O líder socialista explica que “propoñemos unha nova etapa de benestar. A sanidade pública foi recortada e privatizada. No medio rural houbo un gran abandono sen política agraria nin gandeira de calado. As cidades non tiveron un impulso de conexión”.
Desde o seu punto de vista hai unha “aposta clara pola sanidade pública e polos servizos sociais” contra un Partido Popular que “privatizou o negocio das residencias de maiores e recortou a dependencia e os sevizos sociais. Ao longo de once anos caeu a poboación ocupada en 70.000 persoas”.