13.4 C
Santa Comba
jueves, septiembre 5, 2024

Estas son as liñas do acordo de En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista

As 20 liñas do acordo para a Marea Galeguista . Ligazón á noticia da presentación
 

VINTE LIÑAS PARA O ACORDO AS EMERXENCIAS 

1. Rescate social. Apostamos por un programa que non deixe a ninguén atrás, salvagardando desde o primeiro momento os dereitos básicos a unha vivenda, á saúde, aos coidados, a uns ingresos mínimos que permitan vivir con dignidade a todas as persoas. Defendemos o sinalamento dunha Renda Básica Universal Incondicional nesta crise como mecanismo máis eficaz para acadalo.

2. Unha Galicia feminista. As profesións feminizadas foron fundamentais para afrontar a epidemia e esta crise ensinounos a necesidade de valorar e cuantificar os coidados; traballos imprescindibles, precarizados e invisibilizados que na súa inmensa maioría exercen as mulleres. O confinamento convertiu ás mulleres en nais, coidadoras, mestras, traballadoras do fogar e teletraballadoras, soportando ademais en moitos casos as violencias dos homes cos que convivían. Asistimos nos últimos tempos a un aumento das violencias exercidas sobre as mulleres, a unha precarización das súas condicións laborais e unha perda progresiva dos dereitos conquistados no eido da igualdade e tamén da diversidade, por isto recoñecemos o feminismo como imprescindible para avanzar como sociedade e situámolo como eixe transversal de todas as políticas. As políticas de emerxencia social terán en conta na súa implementación a fenda de xénero, garantindo unha atención urxente ás vítimas das violencias, familias monomarentais en risco, ás mulleres con crianzas ou persoas dependentes a cargo, ás que viven no rural e do mar e un recoñecemento xusto a todas as profesións feminizadas ás que tanto adebedamos. Dotarán tamén dos medios necesarios para a prevención da violencia de xénero e impulsar a educación en igualdade e diversidade.

3. Unha Galicia ecolóxica e descarbonizada. Agochada trala pandemia e a crise económica agarda a emerxencia climática. É imperativo que o financiamento que chegue desde Europa ou do Estado sexa empregado para unha transición ecolóxica xusta que priorice a soberanía enerxética e alimentaria do país. Entendemos estratéxico o aproveitamento dos recursos propios dun xeito ambiental e socialmente sostible e intenso en coñecemento, especialmente nos seguintes sectores: – Aforro e eficiencia enerxética na edificación e o transporte; – Promoción das enerxías renovables sustentables e distribuídas a través do autoconsumo; – Transformación agroecolóxica da produción alimentaria e fomento da industria transformadora; – Xestión e produción forestal sustentable, impulso á industria da madeira e dinamización do seu mercado; – Xestión e reciclaxe en proximidade de residuos urbanos, con especial atención á compostaxe e aos sistemas de devolución de envases. A maiores, defendemos a necesidade de manter a aposta por sectores de futuro intensos en coñecemento e favorecedores da mudanza cultural que precisamos, coma a industria aeronáutica, a biotecnoloxía, a produción cultural e a educación ambiental.

4. Prioridade rural. Entendemos que o rural galego é a base do noso futuro, sendo a diversificación, a garantía de ingresos e a recuperación de servizos o camiño para recuperar o seu tecido social e superar os problemas do avellamento e a despoboación rural e interior. Precisamos políticas que poñan a soberanía alimentaria no centro: restrinxindo o eucalipto ós montes -e con limitacións-, reorientando a política gandeira cara á extensificación e axuste á base territorial cunha aposta decidida pola agroecoloxía e a “granxa nunha peza” así como políticas de compra pública e apoio á venda directa ou a través do pequeno comercio local. Tamén a recuperación e reforzamento das oficinas comarcais e servizos públicos básicos, e facer dunha volta realidade unha internet rural de calidade.

5. Aposta polo público. A xestión directa dos servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais, subministros básicos) xera emprego de mellor calidade – segundo o Tribunal de Contas- e é máis barata cás concesións ás grandes empresas privadas. Defendemos, polo tanto, esa xestión directa ou, no seu caso, concesións a cooperativas de traballadoras que manteñan os beneficios nas nosas comarcas. No eido da saúde e servizos sociais, trala COVID-19 é imperativo retrotraer ó Sergas os servizos e unidades que foron sendo derivadas ó sistema privado, reforzar a atención primaria, recuperar para a xestión pública as residencias de maiores e, en xeral, reforzar e dar dignidade ás traballadoras, priorizando ó sistema público na dotación de recursos e garantido sempre unha cobertura universal, equitativa e coa axeitada distribución territorial no País. Defendemos unha radio televisión pública galega de calidade, libre e plural.

INVESTIMENTO PRODUTIVO

6.Un empresariado galego comprometido co país. Defendemos a economía social e a iniciativa empresarial como motores da economía a través dun aproveitamento sustentable dos nosos recursos. Promoveremos axudas e beneficios fiscais a empresas comprometidas co país, entendendo como tales: – Defensoras da mellora continua, abertas á colaboración coas universidades e a investir en I+D+i; – Proactivas á participación das traballadoras na xestión e na mellora dos procesos e a corresponsabilidade na toma de decisións estratéxicas; – Fiscalmente responsables, comprometidas no eido da igualdade, o benestar laboral e a sustentabilidade. 

7.Un modelo laboral para unha vida digna Promoveremos a loita contra a temporalidade inxustificada e polo control da xornada laboral. Apostamos polo reparto do emprego a través da redución progresiva de xornada e polo teletraballo para a redución das emisións de GEI, a flexibilidade laboral voluntaria e as medidas de conciliación para as persoas con menores e dependentes. Garantiremos os dereitos a través dun reforzamento da inspección laboral.

8. Xustiza fiscal. Defendemos o principio constitucional da progresividade no esforzo fiscal, en concreto a recuperación dos impostos cedidos á administración autonómica de xeito que Galicia dispoña do orzamento preciso para o rescate da súa cidadanía e financiar axeitadamente os servizos públicos. Defendemos a rebaixa de impostos ós produtos e actividades que melloren a saúde e o medio, compensadas con subas ou novos impostos ás que vaian no sentido oposto. Reclamamos, no marco dunha relación de bilateralidade co resto do Estado, a creación dunha Facenda propia.

9. Recursos financeiros. Defendemos o aproveitamento dos recursos financeiros en favor do país. Temos que darlle un novo impulso ao xa existente IGAPE, así como recuperar o sistema bancario galego a través da nova lei de Caixas de Aforro, procurando a creación dunha Caixa ou confederación de Caixas de Aforros públicas e galegas.

10. Educación, ciencia e investigación. Unha cultura nova precisa unha nova forma de ensinar. Defendemos o dereito a unha educación pública, de calidade e en galego en todos os niveis de ensino, e rematar coa práctica de pechar centros públicos e financiar centros privados. Defendemos unha aposta por unha universidade pública independente e ben financiada, que achegue solucións ós problemas da nosa terra e poña sobre a mesa problemas e propostas no debate público. Mais alén diso, precisamos facer unha revisión a fondo da estrutura e o contido do currículo para que estes contidos interdisciplinares e transdisciplinares deixen de ser accesorios e teñan un papel central nas aprendizaxes. Contidos e valores pola sustentabilidade, fronte ó modelo patriarcal, que condenen todas as violencias de xénero, que recoñezan a plena igualdade de dereitos, que permitan agromar unha nova cidadanía responsable e esixente coa implicación de toda a sociedade. Baseamos as nosas propostas nunha perspectiva humanista, e co respaldo da mellor ciencia independente. Pularemos pola creación, da man cos centros de investigación galegos,dun plano de emerxencia fronte ás pragas e enfermidades que están xa a impactar nas nosas producións e afectan aos agricultores e aos consumidores.

PERSPECTIVA CIDADANISTA

 11.Protagonismo da sociedade civil. Apoiamos o protagonismo da sociedade civil e o uso de instrumentos de democracia directa. Os representantes políticos ocupan os seus postos por delegación do electorado e deben renderlle contas a este con regularidade. Posicionámonos inequivocamente traballando pola transparencia e a participación cidadá e promovendo o asociacionismo. Apoiamos a ampliación de liberdades e dereitos sociais e a derrogación inmediata da Lei Mordaza. 

12. Mellora da Inspección e da Xustiza. Entendemos tamén urxente a modernización e reforzo da inspección (fiscal, laboral, ambiental) e da Administración de Xustiza. Neste sentido, defendemos a implementación da nova oficina xudicial, a dotación de máis recursos persoais para a redución do tempo de tramitación dos procedementos e a garantía dos dereitos ligüísticos no proceso xudicial.

13. Municipalismo. Construímos un proxecto nacional, pero entendemos que as institucións das comarcas e os concellos son fundamentais nun contexto no que se precisan políticas achegadas ás particularidades de cada lugar e á atención ás persoas. Precisan máis orzamento, unha salvagarda das súas competencias, e máis coordinación. Propoñemos transferir as competencias das deputacións a estruturas locais mancomunadas de nivel comarcal, e potenciar a estruturación do territorio en áreas metropolitanas, áreas urbanas e comarcas.

14. A caída demográfica. A caída demográfica afecta a Galicia máis ca a outros pobos da nosa contorna. Hai que preguntarse as razóns e deseñar un grupo de traballo pra este tema específico. As vías de solución deben pasar, entre outras, pola mellora da renda e a estabilidade de ingresos das familias, a conciliación da vida familiar e laboral, a garantía de acceso aos servizos básicos que aseguren a calidade de vida en todo o territorio e unhas correctas e inclusivas políticas de migración.

15.Inmigración. Galicia sufriu a sangradura da emigración e volve sufrila outra vez. Por iso mesmo podemos comprender os problemas e aspiracións dos inmigrantes que chegan á nosa terra. Promovemos a súa integración, asegurando o respeto aos seus dereitos inalienables, na base da defensa dos dereitos humanos e da xustiza social, impedindo que caian na marxinalidade e compitan á baixa nos dereitos laborais das persoas traballadoras.

 NACIÓN E CULTURA 

16. A nosa identidade como pobo. Defendemos unha vida digna por diante do noso ideal nacional. O noso soberanismo é un acordo pola defensa do dereito da cidadanía galega a decidir o seu futuro. Coherentemente, procuramos a blindaxe lexislativa no máis alto rango xerárquico dos dereitos sociais, da igualdade, ambientais e nacionais do pobo galego, tanto no referido ás políticas sociais, educativas e sanitarias que teñen que ter un carácter eminentemente público, como no referido aos dereitos do pobo galego a expresar libremente de xeito democrático o noso carácter de nación. Procuramos o consecuente recoñecemento da realidade plurinacional no camiño de avanzar nun novo modelo confederal. Na consecución diste modelo, somos partidarios de estratexias pragmáticas e, polo tanto, progresivas. A galeguidade abrangue non só á realidade incluída no actual territorio, senón tamén todo o vencellado á nosa cultura, e moi sinaladamente a Galicia emigrante, á que se lle debe dar participación e responsabilidade na construción do país. Propoñemos a eliminación do voto rogado e substituílo pola solicitude de voto por correo, e a creación dunha circunscrición electoral única para a inmigración.

17. A Reforma do Estatuto. Débese abordar a Reforma do Estatuto nesta próxima lexislatura buscando o consenso de tódalas forzas políticas na procura dun Estatuto que axuste mellor as nosas relacións co estado español. A reforma debe contemplar como mínimo unha carta de liberdades públicas e dereitos sociais da cidadanía galega, a asunción de todas as competencias transferidas a outras CCAA e o recoñecemento de Galicia como nación. En todo caso, debemos avanzar no noso autogoberno e finalizar o marco competencial desenvolto no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 e as transferencias pendentes como as de tráfico ou a creación dun verdadeiro corpo de seguridade público galego.

18.Lingua e cultura. Tomamos a cultura coma un eixo de desenvolvemento humano, persoal e comunitario, como forza de cohesión social e como instrumento de mellora da calidade de vida e benestar. Defendemos a cultura e tradición galegas como medio para manter a nosa identidade e transmitila. Defender a lingua e a cultura galegas non é un obxectivo culturalista: é un obxectivo definitivamente político, pois amabalasdúas forman parte fundamental da nosa identidade nacional.

19. Relacións coa comunidade lusófona A nosa lingua únenos cos pobos da comunidade lusófona, polo que consideramos necesario ampliar as relacións con este espazo, avanzar na binormativa do galego escrito e pedir formalmente a nosa inclusión de pleno dereito na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa.

20.Galicia dentro do marco europeo.Defendemos elevar o noso teito competencial a través de ferramentas transrexionais europeas, fundamentalmente ampliando a eurorexión GaliciaNorte de Portugal a unha relación de Galicia con Portugal de Norte a Sur.

Temos que sen dubidalo refundar a Unión Europea e construir unha nova Europa sobre unha nova base territorial, nunha Europa realmente feita sobre un multinivel de soberanías compartidas, levando cara unha democratización e eficiencia nas súa toma de decisións e nas súas políticas. 

Solicitaremos que os fondos estruturais e de investimento europeos sexan atribuidos directamente ao Programa e non a cada un dos estados membros. Temos pois que apañar a viaxe do tren cara unha cidadanía europea na base dunha Unión Europea dos pobos e do piar social que priorice, agora máis que nunca, a loita contra a exclusión social e a pobreza. É a cidadanía quen debe ser protagonista e axente do proceso de cooperación no espazo europeo, nunha estratexia de cidadanía europea que axude e contribúa a superar a ignorancia mutua entre os pobos da Europa, a superar as barreiras culturais, a facilitar a mobilidade transfronteiriza, o coñecemento das linguas e das respectivas culturas, no impulso dunha cidadanía cunha consciencia do que significa ser tamén europeo, como modelo imperfecto de convivencia, mais que criou un espazo único no mundo de defensa dos dereitos humanos, dos dereitos medio-ambientais e das políticas de benestar e da democracia. 

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,300SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos