A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.205, deles 1.392 son da área da Coruña, 595 da de Lugo, 1.233 da de Ourense, 507 da de Pontevedra, 1.104 da área de Vigo, 1.034 da de Santiago, e 340 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 112 permanecen en UCI, 596 están en unidades de hospitalización e 5.497 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.536 altas de pacientes e 444 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 63.715.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 4,1% do total das persoas residentes.Respecto das 2 persoas falecidas onte en centros residenciais, 1 foi da residencia de Moledo (Vigo) e a outra da residencia DomusVi Barreiro (Vigo).Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.