A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 2.211, deles 552 son da área da Coruña, 140 da de Lugo, 302 da de Ourense, 260 da de Pontevedra, 509 da área de Vigo, 388 da de Santiago, e 60 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 98 permanecen en UCI, 556 están en unidades de hospitalización e 1.557 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 67 altas de pacientes e 44 falecementos. O último falecemento corresponde a un varón de 90 anos, que estaba ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, e que tiña patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 10.520.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.