Óscar Casais e Montse Almozara falaron en Radio Xallas. Desde o minuto 27 deste audio
O aspirante á presidencia da Xunta por Compromiso por Galicia e candidato número un pola provincia coruñesa, Óscar Casais, asegurou que aspiran a ter unha representación parlamentaria que será “necesaria para que a nosa terra comece a ter o cambio definitivo”.
Casais manifestou que “Compromiso por Galicia representa a esencia do pobo galego” e pretende achegar “sensatez e practicidade para resolver os problemas de Galicia”.
Montse Almozara:”CxG representa o nacionalismo histórico”
Pola súa banda a candidata número dous pola provincia da Coruña, a xalleira Montse Almozara, reivindicou a esta forza galeguista como “un partido de centro transversal, que representa ao nacionalismo histórico de Castelao”, matizando que hai “un proxecto distinto ao BNG”.
Almozara avogou por dotar á nosa terra “dun sistema sanitario forte”, de medidas para a creación de emprego, ou de apoio ao sector primario.“O Partido Popular está permitindo o desmantelamento do país” sinalou.
Desde Compromiso por Galicia anuncian unha campaña honesta e austera “con recursos humanos e moita imaxinación”.Óscar Casais asegura que decidiu encabezar esta candidatura “polo profundo amor que sinto pola miña terra”. Ten claro que que o “sentimento galeguista” é “o que se necesita para acadar o benestar social e o desenvolvemento económico de Galicia”.