Un día despois de facer pública a convocatoria de eleccións para o vindeiro 5 de abril, Alberto Núñez Feijóo anunciou a súa intención de aspirar a un cuarrto mandato, porque “Galicia é moito.Galicia é todo”.
“Ante calquera elección ou cuestión, sempre digo Galicia” declarou Feijóo indicando que “Defendemos os intereses de Galicia con responsabilidade, exercendo os nosos deberes e cumprindo as nosas obrigas”.
“Punto de encontro para a maioría de Galicia”
Avogou á necesidade de que Galicia manteña a súa estabilidade, rigor e normalidade. Sobre o PpdeG afirma que sae de novo a gañar e que “Somos un punto de encontro para a gran maioría de Galicia”.
“A forza de Galicia non a dá o seu goberno, nace nos seus cidadáns” sinalou, engadindo que fronte aos responsables dos demais partidos que teñen como único obxectivo derrotar a Feijóo, el está para “acadar e celebrar que as vitorias sexan de Galicia”.
Balance da xestión do PPdeG
O presidente aproveitou para facer balance dos últimos dez anos e salientar que “Galicia é unha comunidade que crea emprego, aporta estabilidade ao conxunto de España, ten unha política social que chega a máis cidadáns, ten máis sanidade pública -con mellores hospitais públicos, centros de saúde, máis tecnoloxía e menos espera-, lidera a calidade na educación, innova en todos os seus sectores, está mellor comunicada, recibe máis turistas. Galicia hoxe é sinónimo de oportunidade”.