O portavoz nacional de Anova e do Grupo Común da Esquerda criticou a xestión do PP na Xunta:“O goberno de Feijóo está facendo moito dano ao país”.
Escoita a entrevista a partir do minuto 18 deste audio
Xestión do xabaril:“Non controlan as cuestións básicas”
Antón Sánchez lamentou a “falta dun modelo para o medio rural ou as agresións á sanidade pública”, por parte dun goberno instalado no caos:“O do xabaril é unha mostra de que non controlan as cuestións máis básicas”.
Nunha entrevista no programa radiofónico “Na Encrucillada” de Radio Xallas, expresou o seu convencemento de que “imos rematar con dez anos de goberno negro de Feijóo”.
Proxectos mineiros e eólicos
Un executivo que “traballa contra a xente e a favor das empresas”. Sánchez puxo como exemplo os proxectos mineiros e éolicos. E referiuse o da mina de Touro que “a mobilización das xentes conseguiu paralizar”.
Insistiu que son “actividades que unha vez rematan deixan as zonas hipotecadas” e pediu que “os beneficios repercutan na xente e os impactos se minimicen”.
Tamén citou as problemáticas éolicas de Santa Comba, Coristanco, Laxe ou Corme.“O futuro deste país pasa por potenciar sectores como o lácteo” engadiu.
Unidade da esquerda en Galicia
Antón Sánchez ten claro que “ten que haber entendemento dentro da esquerda para derrotar a Feijóo”, e confirmou que Anova estará nas eleccións autonómicas aínda que “Apostamos por unha fórmula de unidade o máis ampla posible, é a única maneira de disputarlle a hexemonía aos grandes partidos”.
Pronunciouse en Radio Xallas sobre un dos temas de moda, a débeda do ive:“Son cartos que nos corresponden. Non hai excusa posible para que eses cartos non veñan”.Defendeu esgotar a “vía política” antes que a xudicial.