Juan Carlos Piñeiro Docampo afronta unha nova etapa á fronte da secretaría xeral con «ilusión renovada» e co obxectivo de «mellorar as cousas que saíron mal».
Ante as discrepancias xurdidas indicou que «os congresos sempre teñen unha certa crispación cando os resultados non acompañaron», pero estima que «o congreso arroxou as ideas claras sobre o camiño a seguir e sobre os erros que tivo a anterior executiva».
Recoñece que os resultados electorais foron malos a pesar de que se fixo «un traballo inxente». Sobre as críticas en determinados foros indicou que «sempre hai quen utiliza as redes sociais como terapia, pero teñen o alcance que teñen».
O máis importante para Piñeiro é que «hai certidume no proxecto, e hai que traballar e explicar a nosa idea de Galicia».Apelou a ese «espíritu galeguista» dos que «non están cómodos nunha posición de extremos como o BNG».
Lista unitaria galega
Agarda que nos vindeiros días haxa novidades sobre unha lista unitaria de cara ao 10-N, que inclúa «a todas as forzas de ámbito de actuación galego para poder ter unha voz en Madrid».Piñeiro Docampo entende que «hai que ser xenerosos» e agarda con optimismo as novidades.
Nunha entrevista no programa «Na Encrucillada» de Radio Xallas asegurou que «Queremos o máximo autogoberno de Galicia dentro do estado español e de Europa, porque a sociedade galega non demanda a independencia».
Socialdemocracia
Tamén valorou a perda da definición de socialdemocracia nos estatutos do partido:»Eu son socialdemócrata pero estou cómodo coa definición de progresista».
Outra novidade é a desaparición da figura do presidente honorífico, que recaía en Xoán Bascuas, porque este cargo «serou algún tipo de distorsións no anterior mandato».