Entrevistado por Xosé Manuel Lema no programa “Na Encrucillada”. Escoita a entrevista a partir do minuto 31 deste audio.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, referiuse as referencias políticas que o partido ten en concellos como Dumbría, Camariñas, Muxía ou Corcubión e augurou “un magnífico resultado” do PSOE na Costa da Morte o vindeiro domingo 28 de abril “como antesala do triunfo do mes de maio”.
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” (que se emite no 107.5FM e tamén por internet) sinalou que “A Costa da Morte é unha parte de Galicia moi importante e representa a unha Galicia de pequenos concellos, esquecida por parte da Xunta de Galicia, con moitos problemas en dotación de servizos sanitarios, de infraestruturas, ou de transporte colectivo”.
«Non queremos gañar as enquisas, queremos gañar as eleccións»
Gonzalo Caballero chamou á mobilización xa que “estamos nunha fase de impulso moi importante, as enquisas nos dan moi ben, hai moita ilusión nos nosos votantes e a xente volve a confiar no PSOE para gobernar España”.
Non ostante aclarou que “non queremos gañar as enquisas, queremos gañar as eleccións” e chamou a evitar o triunfalismo e insistiu en pedir “o voto útil a unha forza de progreso que pode garantir o freo da dereita”.
O líder dos socialistas galegos pediu o voto “a todos os que queiran manter a senda do progreso e a aqueles que votaron a forzas emerxentes que agora non teñen o pulo necesario ou que están un pouco máis mareadas”.
Criticou que “O Partido Popular e Ciudadanos abandonaron a moderación e o centro político” e votar por estas opción supón “votar para que Vox poida gobernar España”.
Caballero defendeu o compromiso “coa España baleira e co medio rural, algo que non fixo o PP” e tamén co sector lácteo, gandeiro e mariñeiro porque “un goberno socialistas é a súa mellor garantía”.