A candidata número dous de En Común Unidas Podemos pola provincia da Coruña, pediu o voto para esta coalición para “defender os nosos dereitos” e porque é “a garantía das políticas de esquerda” e unha opción “dun goberno valente que defenda o público coas mans limpas” fronte “ao escurantismo das tres dereitas e a covardía do PSOE”.
Chamamento de Unidas Podemos á mobilización
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, Loreto Taibo, fixo un chamamento á mobilización “porque todo está por decidir e un puñado de votos pode cambiar a inclinación dun goberno”.
Sobre a posible confusión electoral entre esta candidatura e a de En Marea restou importancia xa que “a xente é intelixente e sabe quen traballou por mellorar as condicións de vida, e foron as deputadas e deputados que están na nosa candidatura” e polo tanto está convencida de que “non vai a haber ningún tipo de dúbida nese sentido”.
Na provincia da Coruña, Taibo considera prioritario “salvar a industria e garantir os postos de traballo” así como promover o saneamento das rías oU a transferencia e nacionalización da AP-9.
“A solución no pasa pola escopeta”
Sobre un dos temas que se tratan habitualmente no programa radiofónico, o dos danos da fauna salvaxe, Loreto Taibo precisou que “a solución non pasa pola escopeta”.
Demandou a elaboración dun censo de fauna salvaxe “para saber como atallar o problema” e “axudas suficientes” para as explotacións afectadas polos ataques.Tamén considera interesante mirar as experiencias de países como Francia, a sinalización, e o coidado do medio ambiente.