Escoita e entrevista con Álvaro Rodríguez a partir do minuto 71 deste audio.
“O líder intelectual indiscutible do nacionalismo galego foi Vicente Risco”. Así o afirmou o avogado e politólogo cambadés Álvaro Rodríguez, que segue estudando a pegada do galeguista nado en Ourense.
Para Rodríguez Núñez “Vicente Risco foi o maior teórico dos movementos nacionalistas de España”. Considera que estamos ante “un xenio,un intelectual dunha categoría altísima, un fora de serie, cos seus erros pero cunha talla excelente”
“Risco non está moi divulgado e quedou relegado polos historiadores” indica Rodríguez que atribúe esta circunstancia ao seu papel de apoio ao franquismo: “Franco doulle a medalla de Alfonso X antes de morrer”.
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada”, Álvaro Rodríguez afirma que despois das eleccións de 1933 “Risco é apartado do aparato político e Castelao toma o control, pero Castelao non foi un intelectual”. Para contextualizar engade que “era unha persoa da dereita conservadora do momento” nunha ideoloxía onde “o catolicismo era o elemento básico”.
Tamén falou sobre a chamada Dereita Galeguista:“A dereita galeguista ante a tesitura de apoiar ós movementos marxistas optaron polo frente antimarxista e aos militares insurrectos”.
Farsa electoral de 1936
O autor de “Galleguismo, tradicionalismo y Segunda República: el pensamiento político del galleguismo conservador”(Glyphos) tamén se referiu “Na Encrucillada” á “farsa electoral” das eleccións de 1936 que como outros investigadores definiu como “auténtico pucherazo”, citando a manipulación de actas por parte da Fronte Popular en provincias como A Coruña e Pontevedra, o control irregular dos sufraxios por parte da organización dereitista CEDA en Lugo, ou por parte de Bloque Nacional de Calvo Sotelo en Ourense.