Críticas á falta de respecto democrático da dirección que lidera Juan Carlos Piñeiro.
«Non acredito nestas prácticas de impoñer unha decisión desde arriba sen coñecer a opinión dos militantes de Ourense». Así confirmou Xosé Mosquera Casero, a Adiante Galicia, a noticia coñecida este xoves.
Mosquera decide abandonar un partido no que leva anos polas discrepancias co proceder da dirección liderada por Juan Carlos Piñeiro Docampo. Entende que hai un intento de impoñer un candidato en Ourense e sinte que non ten cabida neste proxecto despois de que se desconvocara unha reunión convocada por el mesmo como secretario local «para informar e dialogar».
«Non se respecta a democracia»
Xosé Mosquera estima que «se non che deixan colaborar é mellor apartarse» lamentando a actitude do secretario xeral, Piñeiro Docampo, e da dirección. «Foi unha decisión moi dura e supón unha decepción política» declarou o político ourensán, que estaba convencido de que Compromiso por Galicia «era unha idea boa para o país» pero que na actualidade «non se respecta a democracia».
Mosquera Casero, profesor de Dereito Constitucional e funcionario na Deputación de Ourense, ten unha dilatada traxectoria no eido do nacionalismo galego e tamén no asociativo, sendo presidente da Federación Galega de Tenis. Estivo afiliado ao Partigo Galeguista, en Coalición Galega e desde 2012 en Compromiso por Galicia.
Hai meses que outro galeguista fundador de CxG, Manoel Vello, firme defensor dun galeguismo organizado no centro dereita, abandonou o partido.