Piden explicacións e acusan ao alcalde de irresponsabilidade, incompetencia e prepotencia.
Cartel orixinal da charla
O Partido Popular de Fisterra denuncia “a irresponsabilidade” do alcalde de Fisterra, José Marcote, ao que responsabiliza da “manipulación inadmisible” dun cartel institucional “prexudicando gravemente aos veciños de Fisterra”.
Segundo lembran os populares a Xunta de Galicia tiña convocado para este xoves 26 de abril un acto informativo sobre axudas para a rehabilitación de vivendas, ás oito da tarde na confraría de pescadores.
“A estas xornadas estaba convidado o alcalde que nun acto de soberbia non aceptou ir á Confraría de Pescadores e convocou sen autorización e pola súa conta esta mesma xornada informativa no salón de plenos da casa consistorial a través do Facebook oficial do Concello” denuncia o grupo que lidera José Manuel Traba Fernández.
«Os prexudicados son os veciños de Fisterra»
Desde o PP informan que con motivo desta segunda convocatoria a Xunta optou por cancelar este acto.”Unha vez máis os prexudicados coma sempre son os veciños de Fisterra pola incompetencia deste alcalde que non deixa de sorprendernos coa súa prepotencia” critican.O Partido Popular de Fisterra anuncia que “o alcalde terá que dar explicacións e pedir desculpas e identificar á persoa que falsificou un cartel oficial. Estamos a falar dun feito moi grave”.
No seu comunicado de prensa engaden:”Supoñemos que se culpará á técnica de informática, igual que se fixo cando se manipulou o sistema de votación para o cambio de nome da Rúa Manuel Lago Pais e en pleno culparon a esta empregada. Tamén pode ser que culpen á Policía Local, xa a responsabilizaron de entregar os pases da rúa peonil, cando todos sabemos que o responsable era un concelleiro que ultimamente se adica a perseguir pingüíns pola praia da Ribeira”.