Comparecencia de Ánxela Franco. A Deputación promove o proxecto “Compartimos Plan”
A deputada de igualdade da Deputación provincial da Coruña, Ánxela Franco avanzou os primeiros datos do proxecto “Compartimos Plan” promovido pola área que dirixe:“Os resultados que estamos obtendo mostran que existe un interese social pola loita pola igualdade e que existe unha percepción de que os recursos son deficitarios».
Con este plan trátase de sensibilizar e identificar as necesidades vencelladas coa igualdade entre homes e mulleres. «Compartimos plan quere ser un proxecto sólido e rigoroso que analice as políticas de igualdade dos concellos e da propia Deputación e detecte as urxencias, intereses e necesidades para que as actuacións sexan máis eficaces» manifestou Franco.
Estes primeiros datos desvelan que a meirande parte do persoal da administración recoñece como unha necesidade primordial a elaboración de políticas públicas que transversalicen a igualdade de xénero na sociedade e nas propias administracións,
Necesidade de financiamento específico
Tamén destacou que os concellos de 14 das 18 comarcas coruñeses incidiron na necesidade de contar cun financiamento específico que permita desenvolver actividades e proxectos en prol da Igualdade e así sensibilizar ao tecido social sobre a problemática existente e para a prevención contra da violencia de xénero.
O proxecto compartimos Plan, tamén analizou o grao de sensibilidade de xénero que posúe o persoal das administración por medio da dinámica «Gradúate no xénero» co que se quixo testar o grado de sensibilidade de xénero do persoal e reflectir colectivamente sobre a existencia de desigualdades entre homes e mulleres.
Neste ámbito, 8 de cada 10 persoas considera que a igualdade é un tema importante e necesario de abordar en tanto que 6 de cada 10 recoñecen que existen dificultades para identificar as desigualdades e os desequilibrios entre homes e mulleres. Tamén é significativo que 2 de cada 3 persoas entenden que o uso da linguaxe inclusiva é importante na documentación administrativa.Polo de agora, o proxecto avanza con entrevistas realizadas a persoal da área das administracións locais e case mil cuestionarios analizados.