Vídeo Adiante TV, con declaracións da conselleira en Santa Comba.
A conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, visitou o pasado domingo o concello de Santa Comba para asistir á poxa de xovencas de raza frisoa que se celebrou no recinto feiral.
Nunha breve intervención dirixida aos asistentes á poxa, Vázquez dixo que recollera unha demanda do sector e anunciou a posta en marcha “dun programa especial de recría en Galicia” para o gando bovino.
Sinalou que despois de superarse determinadas enfermidades e porque “temos a mellor xenética” era o momento oportuno de adquirir o compromiso:”Agora toca recriar en Galicia e exportar de Galicia para fora”.
Vázquez Mejuto felicitou ao concello xalleiro por recuperar a poxa de xovencas e tamén aos gandeiros “pola aposta que facedes polo agro e pola boa xenética”.
Na súa visita tamén tivo ocasión de conversar coa alcaldesa de Santa Comba, María Pose, cos rexedores de Val do Dubra, A Baña e Curtis e con gandeiros. Tamén se acercou a carpa onde o cociñeiro vasco Karlos Ibarrondo preparaba un tenreiro frisón de 212 kilos.