Yolanda Díaz:”Instamos á Armada a que paralice as obras de desguace do Casón”.
“Xa se converteu nun biotopo”
En Marea anunciou a presentación de varias iniciativas no Congreso dos Deputados esta semana para esixir á Armada que reconsidere a súa decisión de despezar os restos do buque panameño Casón, embarrancado desde hai case 30 anos fronte ás costas de Fisterra.
A deputada Yolanda Díaz denunciou o “caso omiso” que o goberno fai a cidadanía e a entidades coma o Concello de Fisterra ou a asociación de veciños “Costa da Morte” que solicitan que se conserven estes restos que “xa se converteu nun biotopo” e que xa son parte do patrimonio cultural somerxido da Costa da Morte “aínda que legalmente non poda ser declarado así pola Unesco ata que se cumpran os 100 anos do afundimento do mesmo”.
En Marea insta ao goberno a colaborar con actividades turísticas
Yolanda Díaz destaca a importancia social e turística dos restos do Casón e alerta dos danos que a retirada dos mesmos podería ocasionar ao medio mariño e á pesca.
A deputada de En Marea destacou que “estes restos tampouco supoñen xa ningún perigo para a navegación polo lugar e profundidade nos que se atopan”, e insta ao goberno a “respectar o sentimento maioritario” que existe en Fisterra e na Costa da Morte.
En Marea pídelle ao goberno do estado que colabore no desenvolvemento de actividades turísticas e visitas guiadas á zona do afundimento do buque Casón, na zona punta de Castelo, no concello de Fisterra; así como a crear un Museo dos Naufraxios na Costa da Morte ao que se incorporen os restos do Casón xunto a moitos outros barcos que permanecen afundidos no fondo da Costa da Morte.
Recentemente a Armada Española rexeitou a posibilidade de parar o proceso e mantivo a intención do despezamento dos restos do Casón, e de feito xa hai unha empresa adxudicataria das tarefas. O pasado mes de xuño tódolos grupos da corporación municipal de Fisterra posicionáronse en contra desta pretensión do goberno central.