O BNG lanza unha convocatoria aberta a todas as persoas que “levan Galiza no corazón e senten que o noso país merece un futuro mellor”.
Queren encher as rúas de Compostela o 25-X
A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, fixo un chamamento para que participen no vindeiro Día da Patria Galega “todos os galegos e galegas que queren darlle un cambio de rumbo a Galiza, unha convocatoria aberta que quere recoller todas as loitas e na que caben toda as causas xustas, unha convocatoria para deixar claro que Galiza é unha nación que reclama o seu lugar no concerto dos pobos”.
Na súa intervención ante o Consello Nacional do BNG, Pontón Mondelo asegurou que promoven unha convocatoria aberta a todas as persoas que ““levan Galiza no corazón e senten que o noso país merece un futuro mellor”.Neste senso, asegurou que o BNG fará un esforzo de mobilización de todos os sectores que queiran “un cambio real para a sociedade galega”.
A política nacionalista pensa que o 25 de xullo é “unha boa ocasión para nos mostrar unidos como pobo e con vontade de avanzarmos cara unha Galiza que ofreza oportunidades e nos devolva a confianza no futuro” e para “rebelarse contra a discriminación do Estado nun momento no que Galiza está desaparecida do debate estatal”.
Rebeldía e inconformismo contra a marxinación do estado
Puxo como exemplo deste esquecemento, o recente debate da moción de censura.Ana Pontón defende o nacionalismo como a alternativa máis útil:“Representamos a rebeldía e o inconformismo fronte a un modelo institucional e económico que nos discrimina e nos empobrece. O nacionalismo é a mellor ferramenta que temos como pobo para construírmos un novo proxecto de país que deixe atrás recortes, agravios, paro, precariedade e desigualdades”.
Desde o BNG aseguran que no prazo máximo dun ano xa terán designados os candidatos e candidatas para as eleccións municipais de 2019.