O programa da Radio Galega “Pensando en ti” celebrou o pasado 11 de xuño a súa Xuntanza anual de oíntes.
Chegaron de distintos recunchos de Galicia e Asturias. De feito fretáronse medio cento de autobuses, o que confirma que “Pensando en ti” é algo máis ca un programa de radio. É unha inmensa familia que ten como nexo de unión a radio e as madrugadas, capitaneadas desde fai anos, pola voz e o oficio de Marcial Mouzo Vidal.
A xuntanza anual de seguidores deste programa da Radio Galega, celebrada no recinto da Semana Verde, volveu a ser un éxito de afluencia. E xa van trece edicións.
Actuacións musicais e moita diversión
Ao evento asistiu a xefa de programa da Radio Galega, Tania Fernández Lombao e contou coa actuación da Orquestra Essencia, Jorge Menéndez, Elena Sáa, a charanga A Cabeza non Para, o trío Prata e o humorista Isi. E coma sempre houbo entrega de diplomas para oíntes e non faltou o xantar. Como é habitual foi o propio condutor das madrugadas da Radio Galega, Marcial Mouzo, o que actuou como mestre de cerimonias desta festa.
O programa, líder na súa franxa horaria, emítese de luns a venres entre as 2 e as 6 da madrugada. O pasado 19 de maio o programa incorporouse ao servizo “Mira Radio Galega” polo que que se pode ver a realización do programa en directo desde os estudos de San Marcos a través da web da CRTVG.