En Marea denuncia o silencio de Feijóo ante “un novo espolio” e pedirá explicacións nos parlamentos de Galicia e de España.
“Hoxe a economía galega é máis débil que onte”
Os deputados estatais de En Marea, Yolanda Díaz e Manuel Lago criticaron a venda do Banco Pastor que consideran «o novo espolio no que unha vez máis gaña a Banca e perden os traballadores e traballadoras, Galicia e a súa cidadanía, a posibilidade de desenvolvemento económico do noso país».
Tanto Díaz coma Lago denuncian o silencio de Alberto Núñez Feijóo xa que entenden que «A situación é dramática. Perdemos o que durante décadas e décadas acumulamos para o noso patrimonio no noso país e que serviu para financiar o desenvolvemento industrial e económico galego e que agora desaparece» denunciou Lago, que asegurou que «hoxe a economía galega está máis débil que onte».
Para Yolanda Díaz «hoxe é un día de loito para Galicia» que “queda liquidada, xa non ten un sistema financeiro grazas ás políticas do Partido Popular pero especialmente do señor Feijóo»
Iniciativa no Parlamento estatal
A venda do Banco Pastor, está provocando unha morea de críticas e iniciativas no eido político. Unha delas é a que veñen de presentar os deputados de En Marea no Congreso estatal por medio dunha proposición non de lei, na que solicitan que o proceso de compra do Banco Popular, e do Banco Pastor, non supoña ningunha aportación de fondos públicos e adoptar tódalas medidas necesarias para que non se pechen oficinas do Banco Pastor nas zonas con “insuficiencia de servizos bancarios”.
Tamén queren que se evite o despedimento de traballadores ou o empeoramento das condicións laborais, así coma o mantemento da activididade da Fundación Barrié. Tamén piden que se esclarezan as posibles responsabilidades dos equipos directivos do Banco Pastor.
«O mantemento dos postos de traballo,das oficinas no rural sobre todo, a pervivencia da Fundación Barrié e a depuración de responsabilidad,es son para En Marea cuestións fundamentais e que tanto o grupo no Congreso como no Parlamento esixirán aos respectivos gobernos do PP» sinalou Yolanda Díaz.