PSdeG:”É máis importante contratar médicos que curas”O PP cualifica de “demagóxica” a postura do PSOE e afirma que é un convenio aplicado polos socialistas en Andalucía. En Marea e BNG piden que se retire o financiamento de servizos relixiosos no sistema sanitario.
Torrado:“Non se debe financiar isto con cartos públicos”
O deputado socialista Julio Torrado defendeu unha proposición non de lei na comisión de Sanidade na que solicitaba que a Xunta deixara de destinar fondos públicos para pagar servizos relixiosos nos centros sanitarios, unha cifra que segundo os socialistas ascende a 650.000 euros anuais para 52 representantes da Igrexa.
“Este financiamento non é adecuado nin correcto e non contribúe a que o sistema sanitario mellore” afirmou Torrado, que avogou por “limitar a participación do público no privado para non confundir certos espazos”, e pediu que se contrate “máis persoal sanitario e non máis sacerdotes”.
Torrado calculou que “este gasto supón que non poidamos contratar a quince médicos de atención primaria” e amosou as súas dúbidas pola “situación laboral incerta” dos curas:”Non estamos en contra da relixión pero non se debe financiar isto con cartos públicos”.
En Marea e BNG apoian a proposta do PSOE
A deputada do BNG, Montse Prado pensa que “xa é hora de asumir que Igrexa e Estado teñen que gozar de total independencia” e “a separación ten que ser unha realidade”.
Pola súa banda, Eva Solla(En Marea) lembrou que “levo cinco anos traendo este tema” e defende que se acaben estes “privilexios” xa que “ningunha norma obriga a sufragar con cartos públicos ós cregos do sistema sanitario” e propuxo que as salas de culto pasen a ser “salas polivalentes”.
O PPdeG critica a “demagoxia” dos socialistas
A deputada popular, Marta Rodríguez Vispo, recriminou a “demagoxia” do PsdeG e lembrou que esa situación “non é unha decisión da Xunta de Galicia” xa que está “basado” nun acordo de 1979 “e ratificado no 1985” polo goberno socialista de Felipe González e que se mantén en todo o estado:”O Partido Socialista di unha cousa aquí e outra en Andalucía” dixo Rodríguez Vispo.
Desde o Partido Popular aseguran que actúan por coherencia e en defensa da liberdade relixiosa:”Non temos nada en contra do feito relixioso como unha manifestación cultural máis, e non imos denegar servizos a ningunha confesión”.
Rodríguez Vispo asegurou que “é un servizo que funciona ben, e está moi ben valorado e é moi demandado”, precisando que “foi diminuindo o número de prazas que se sustitiu por persoal seglar”.
#AdianteGalicia