Piñeiro Docampo, elixido co 96% dos votos, avoga por “unha política con sentidiño”. O PNV apoia o proxecto galeguista coa presenza do senador José María Cazalis. Despedida emotiva de Xoán Bascuas.
Juan Carlos Piñeiro Docampo é o novo secretario xeral de Compromiso por Galicia. Foi apoiado polo 96% dos militantes que participaron no Congreso Nacional de Teo e sen ningún voto en contra. Ten diante súa o difícil reto relanzar unha organización que no 2019 afronta o importante reto das eleccións municipais. A auténtica proba de lume para a formación galeguista.
Esta fin de semana, Piñeiro Docampo, avogaba por converter a Compromiso no “facho de ilusión dos galegos e galegas que creen no futuro do país”. Anunciaba unha “política con sentidiño” que consistirá na fiscalización do traballo das administración e nas propostas “para os numerosos problemas de Galicia”.
Aplausos para Bascuas e debate de emendas
O Congreso Nacional comezou a primeira hora do sábado coa intervención do secretario xeral saínte, Xoán Bascuas, que presentou un detallado informe de xestión no que abordou os distintos episodios que se viviron, algún certamente convulso, no partido. Bascuas emprazou a continuar traballando polo proxecto e, aínda que xa noutro papel, púxose a disposición da nova dirección. Foi moi aplaudido.
A xornada matinal completouse co debate de varias emendas que tiveron coma protagonistas a distintos militantes como Daniel Lago, Álvaro Rodríguez, ou o mesmo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña. Con distintas ópticas, había unha sensación xeral de esperanza con esta etapa de reinicio de Compromiso. Pero tamén coa necesidade de ampliar a estrutura e de buscar unha maior repercusión na sociedade.
No conclave tamén estivo presente a alcalde de Muros, María Xosé Alfonso, e concelleiros do partido en distintos municipios de Galicia.
Nova comisión executiva nacional
Pola tarde tiveron lugar as votacións, para a elección dos membros do Consello Nacional. Quince homes e quince mulleres. Tamén houbo máis debate de emendas aos documentos políticos.
Juan Carlos Piñeiro interveu primeiro como candidato e logo xa como secretario xeral. E dou a coñecer ós membros da Comisión Executiva Nacional que estará composta por Laura Cereijo Míguez, Carmela Corbelle Casas, Daniel Lago Leirós, Xosé Mosquera Casero, Lucía Nespereira Gómez, Andrés Núñez Rajoy, Rosario Piñeiro Mayo, Paula María Rey Gómez, Xosé Luís Rubal García, Saúl Sánchez Freire, Ana Belén Varela Soto, Xoán Manuel Vázquez García, Manoel Vello Salvado e Orlando Villamayor Torres.
O PNV segue apoiando a Compromiso
Neste Congreso, tamén estivo presente o senador do Partido Nacionalista Vasco, José María Cazalis, que volveu a expresar o apoio do PNV a Compromiso por Galicia.
Lanzou unha mensaxe de ánimo e puxo o acento na necesidade de que Compromiso aumente a súa presenza nos concellos para seguir ampliando “a mancha de aceite”.
O exalcalde da localidade mariñeira de Lekeitio fixo unha brincadeira co feito de CXG conte cun máximo dirixente de Burela xa que considera que “é bo que haxa salitre” nas organizacións.O II Congreso Nacional de Compromiso por Galicia rematou co Himno de Galicia e cunha sensación de que esta opción galeguista ten moito camiño por diante.