A plataforma afín ao Partido Popular reivindica a un Castelao “patrimonio de tódolos galegos” e non só do “nacionalismo de esquerda”.
O Bloque Nacionalista Galego organizou unha “homenaxe nacional” en memoria de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao con motivo do 67 aniversario do seu pasamento. Outras forzas como Anova ou Compromiso por Galicia lembraron a figura do político galeguista a través das redes sociais. Nin nas webs nin nas contas oficiais de twitter do Partido Popular nin do PSOE galego aparece ningunha referencia a esa data.
Sí se pronunciaron desde a Liga Galeguista, unha plataforma “responsable” afin o Partido Popular, que quixo lembrar a “ise home que representou como ningún o amor a Terra, e a defensa das lexítimas as reclamacións autonomistas para Galiza”. Definen ao autor de “Sempre en Galiza” como “un demócrata de fondas conviccións galegas” pero sosteñen que “non foi como pretenden debuxalo algún, un marxista”.
“Foi o mellor exemplo dunha Galiza que comezaba a espertar”
“Castelao foi un galeguista e como tal soubo representar os anceios dun pobo asoballado. Soubo debuxar as verbas das xentes do mar os laios dos homes e mulleres do campo. Foi viva imaxe dun país loitador de xente tranquila, esquecida pola historia” manifestan desde este colectivo que se move nas redes sociais sen cabezas visibles.
“Castelao foi sen dúbida a imaxe dunha Galiza somerxida na modernidade dos movementos políticos, artísticos e literarios do século XX. O seu caracter comprometido e polifacético foi o mellor exemplo dunha Galiza que comezaba a espertar na súa loita por ter nome de seu.Hoxe nós queremos lembralo, e queremos que esa lembranza sexa para orgullo do pobo galego, porque hoxe máis que nunca, Castelao non é patrimonio do nacionalismo de esquerda”. Asi rematan a semblanza que publicaban no seu blogue o pasado 7 de xaneiro.
No acto de Rianxo, a voceira nacionalista Ana Pontón reivindicou a Castelao como “unha persoa fundamental na historia recente de Galicia” tanto polo seu pensamento como “polo seu exemplo”.