Na homenaxe a Castelao,Pontón defende a vixencia do pensamento do político de Rianxo e insta a fortalecer “o músculo e a capacidade de actuación” do BNG ante a necesidade dunha forza nacionalista potente no país.
O Bloque Nacionalista Galego celebrou o seu tradicional acto en lembranza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, no 67 aniversario do seu pasamento, cun acto que se desenvolveu en Rianxo e no que interviu a voceira nacional Ana Pontón, acompañada polo alcalde Adolfo Muiños e pola representante de Galiza Nova, Elvira Blanco.
“Castelao é unha figura clave para que siga existindo o nacionalismo” afirmou Pontón, que definiu ao político galeguista como “unha persoa fundamental na historia recente de Galicia” tanto polo seu pensamento como “polo seu exemplo”.Asegurou ademáis que “calquer movemento político que queira abrir horizonte de futuro, ten que ter claras cales son as suas referencias”.
Ana Pontón:”Estamos vivindo tempos convulsos e confusos”
No acto político que tivo lugar na localidade coruñesa despois dun roteiro guiado polo rexedor Adolfo Muíños, a portavoz do BNG defendeu a vixencia do pensamento de Castelao e a necesidade de fortalecemento da alternativa nacionalista en Galicia:“Lembramos a Castelao porque sentímonos herdeiras e herdeiros dun pensamento e dunha tradición política máis necesaria que nunca, porque estamos vivindo tempos convulsos e confusos e, se algunha nación sen Estado precisa dun forte movemento nacionalista, esa é Galiza”.
Ana Pontón reclamou un novo status para Galicia que recoñeza o seu carácter nacional e que teña como prioridades, a soberanía fiscal, a loita contra a violencia machista, o rescate da AP9, e a blindaxe dos servizos públicos e sociais.Nese sentido, instou a “fortalecer o músculo e a capacidade de actuación do BNG como alternativa de futuro para darlle esperanza á maioría social do país e contribuír a desmontar un sistema inxusto e desigual”.
No seu discurso criticou ao goberno “vello e sen ideas” do Partido Popular que segundo Pontón “confunde ter maioría con ter a razón e cun Feijóo servil a Madrid e cómplice dos incumprimentos con Galiza”.