O candidato de Compromiso por Galicia estivo en Carballo repartindo publicidade e presentando ante os medios varias propostas para Bergantiños e a Costa da Morte.
AdianteTV
O candidato á presidencia da Xunta por Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, visitou a localidade de Carballo no marco da súa rolda de visitas a distintos pobos e cidades galegas “para explicar as nosas propostas galeguistas” e que consiste en contactos cos medios de comunicación, e a repartición de trípticos informativos polas rúas, intercambiando impresións cos cidadáns. Bascuas estivo acompañado polos candidatos Lito Vázquez e Manoli Rodríguez Pereiro, que a súa vez é a responsable local de Coristanco.
En declaracións aos medios, o candidato galeguista defendeu a “situación xeoestratéxica de Carballo” como eixo entre as cidades da Coruña, Santiago e a Costa da Morte e a súa enorme potencialidade económica, pero tamén resaltou que a comarca “é uns dous lugares máis avellentados de Europa” polo que se necesitan distintas medidas desde a administracións que de momento non se impulsaron.
Entre elas, Xoán Bascuas propón a rebaixa ou eliminación da peaxe na AG-55, a conclusión da autovía da Costa da Morte, ou a dinamización dos parques empresariais de Vimianzo, Cee ou Malpica que “están cheos de matorrais”. Tamén destacou como cuestión prioritaria o apoio a autónomos e emprendendores, sinalando que “bastaría con non poñerlles tantos atrancos”. Unha das propostas electorais de Compromiso por Galicia que poderían ter un efecto moi importante en Bergantiños e a Costa da Morte, segundo Bascuas, sería o “plan de emprendemento da mocidade” que consiste na creación de viveiros de empresas, asesoramento legal, e unha axuda de seis mil euros “para que os mozos desenvolvan as súas iniciativas empresariais e poidan quedar e ter futuro en Carballo ou na comarca”. Compromiso por Galicia aposta ademais por reforzar os servizos sociais, e máis nun territorio cun número relevante de persoas centenarias.
Xoán Bascuas valorou a “calidez e receptividade” que están a recibir nas súas visitas o que lle fai pensar que “esta nova forza galeguista está as portas duns bos resultados” o próximo 25 de setembro. Despois dunha rolda de prensa ao aire libre na praza do concello, os membros do partido percorreron durante un par de horas as rúas de Carballo repartindo material informativo. Aínda que estivo ausente por motivos laborais, nas listas de Compromiso tamén figura a portavoz local da formación, Esther Iglesias Barreiro.



