Cumpríronse oitenta anos do fusilamento do intelectual e político galeguista, Alexandre Bóveda e tamén se conmemorou o Día da Galiza Mártir, que desde que se instaurou en 1942 na Arxentina lembra aos galegos fusilados por defender o estatuto de autonomía e ser leais á república.
Este 17 de agosto, a Fundación Alexandre Bóveda organizou unha homenaxe á que asistiron representantes da política galega como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ou o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, así como outras caras coñecidas como os exportavoces do BNG Xavier Vence e Guillerme Vázquez, Bieito Lobeira(BNG), Orlando Villamayor(CxG), Andrés Núñez(CxG). Tamén se deixou ver o candidato á presidencia da Xunta por En Marea, Luís Villares.
Unha vez máis, decenas de persoas concentráronse na Caeira(Poio) onde foi executado Bóveda, nun acto institucional no que participou o alcalde de Poio, Luciano Sobral, o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a filla e o neto do lembrado político, Amalia Bóveda e Valentín García Bóveda, e representantes das fundacións Alexandre Bóveda e Castelao.Despois celebrouse un xantar, no cal se entregou o XI premio Galiza Mártir á escritora Aurora Marco. O vicepresidente da Fundación Bóveda, David Otero afirmou sentirse doído polo “esquecemento institucional” do goberno da Xunta e do estado. Pola súa banda, o presidente da fundación Castelao, Carlos Mella eloxiou a traxectoria de Alexandre Bóveda e criticou a desunión existente no nacionalismo galego.A xornada concluíu cun acto cívico na o panteón de Bóveda, no cemiterio de San Mauro.
Á marxe destes actos tamén tivo lugar durante o mediodía un acto de Marea Pontevedra, no que participaron entre outros Luís Villares, Xosé Manuel Beiras ou a senadora Vanessa Angustia. “Homenaxeamos a Alexandre Bóveda. Reclamamos a forza do exemplo, da ética, da memoria” escribiu Villares na rede social twitter.
Pola tarde, o BNG organizou outro acto, tamén en Pontevedra, coa participación de Ana Pontón e Luís Bará. Pontón dixo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo é a “antítese do que representa Alexandre Bóveda” e defendeu “unha Galicia que ten que ser ou centro das nosas preocupacións, temos que deixar de mirar a Madrid”. Así mesmo falou do nacionalismo e da transición:”O nacionalismo é esperanza das persoas desencantadas cunha transición que nós nunca aprobamos”.
Pola súa banda, o candidato de Compromiso á presidencia da Xunta, Xoán Bascuas lanzou unha declaración a través das redes sociais: “Hoxe, 80 aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, a cidadanía galega de ben lembra a quen deu a súa vida por defender Galicia, a democracia e a República. Moitos son descoñecidos, sobre todo, aqueles que o seu nome non pasou as liñas máis importantes da historia.Para eles, o noso recordo; deles, o seu exemplo. Esquecelos é facer que as súas mortes foran en balde. Que todo o mundo aprenda a derradeira lección do mestre”.
FOTOS- Concello de Pontevedra, En Marea, BNG, Compromiso por Galicia