O alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño está moi satisfeito pola aposta que se fixo no seu día polo ciclismo e ten claro que a primeira etapa da Vuelta a España que chegou o Ézaro foi un auténtico revulsivo para toda a zona.
Na presentación do Gran Fondo Ézaro e mirando á Fervenza dixo:”Isto leva toda a vida aqui pero empezou a rexurdir cando foi a etapa da volta ciclista a España, douse a coñecer e tivo trascendencia”.
Pequeño Castro está convencido de que “A xente da Costa da Morte débelle moito ao ciclismo”, á vez que agradeceu o apoio de entidades e concellos para poder seguir polo camiño iniciado. A Vuelta ciclista a España volverá visitar a comarca o próximo mes de agosto, pero antes, o 3 de xullo celebrarase o Gran Fondo Ézaro- Costa da Morte.”Esta proba non só traerá ciclistas, senón que vai traer economía que é o que interesa realmente nunha zona que está tan lonxe de todo” indicou Pequeño.
O alcalde de Dumbría espera que o Gran Fondo sexa algo especial e importante para a Costa da Morte. Polo momento xa o é, con récord de participantes e figuras históricas inscritas neste evento.José Manuel Pequeño outórgalle máis valor porque na Costa da Morte custa máis facer as cousas que noutros sitios e puxo como exemplo, dada a súa responsabilidade á fronte de Vías e Obras na Deputación, que os únicos concellos que non teñen estradas provinciais están na zona, e por exemplo, Fisterra ou Carnota “non teñen nin un metro de estrada provincial”.
É unha maneira de constatar a histórica situación periférica dunha comarca.Pero Pequeño está satisfeito “porque isto vai quedar permanentemente”, e por ir atopando apoios noutros municipios á iniciativa dun concello como Dumbría que destaca pola súa ampla programación cultural e deportiva.