O colectivo ecoloxista advirte dos perigos do glifosato e denuncia a complicidade das administracións coa industria agro-química.
A asociación ADEGA denuncia as fumigacións masivas de glifosato incluso en zonas urbanas e pón como exemplo a localidade de Teixeiro, no concello de Curtis, onde un comboio de ADIF foi filmado “esparexendo glifosato en zona urbana e mesmo fumigando a un peón que transitaba por baixo dunha vía elevada”.
Segundo o colectivo ecoloxista, é un dos “comboios fumigadores” dos que dispón ADIF, que poden alcanzar unha velocidade de 70 km/he fumigar a unha distancia de trinta metros. Tamén aseguran que a Xunta de Galicia está fumigando estradas “para eliminar a vexetación das beiras e noiros”.ADEGA alerta da toxicidade deste herbicida, que califican de “veleno” e piden, xunto a distintas entidades agrupadas na plataforma “Fumigacións Non” a prohibición definitiva do glifosato “polos riscos cada vez máis evidentes para a saúde e o medio ambiente”.
Denuncian a “pasividade” e a “complicidade das administracións co uso do glifosato, e a súa submisión total ao lobby agroquímico”.
De tódolos xeitos destacan que as reivindicacións provocaron as primeiras limitacións por parte da Unión Europea pero insisten en que o obxectivo debe ser a eliminación total do glifosato. Mentres tanto pensan que as administracións “deberían abandonar xa o uso deste veleno, e non manter á cidadanía como animais de laboratorio expostos a estas substancias”.