O líder de Compromiso por Galicia expulsa ós seus concelleiros, inhabilita a moción de censura e apela á dignidade, o compromiso e a transparencia da formación galeguista
O secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas presentou hoxe, no rexistro do concello de Sarria, un escrito no que se deu de baixa como membros da formación galeguista aos edís Benjamín Escontrela e Antón Fortes, que a partir de agora non teñen vinculación con Compromiso e deberán pasar ao grupo dos non adscritos.Segundo desvelou Bascuas, a organización tiña constancia da disposición destes dous concelleiros de promover unha moción censura mentres ”a nós se nos está negando de forma reiterada”.
Segundo Xoán Bascuas, con esta iniciativa “inhabilítase a posibilidade de que os dous concelleiros asinen con validez unha moción de censura” conforme á lexislación vixente que así o impide. “Queremos poñer atallo a un xeito de facer política máis propio de sumidoiros e cloacas que da dignidade, compromiso e transparencia que Compromiso por Galicia quere representar” manifestou Xoán Bascuas.
O secretario xeral de Compromiso por Galicia compareceu posteriormente ante os medios de comunicación diante da casa do concello de Sarria, acompañado polo secretario nacional de organización, Manoel Vello Salvado polo coordinador comarcal, Saúl Sánchez Freire, e por Carmen Núñez Bruzos, da agrupación local de Compromiso en Sarria.
Segundo trascendeu en distintos medios, Partido Popular, os edís expulsados de Compromiso e un independente negociaban unha moción de censura contra alcaldesa socialista Pilar López Yáñez.Nas eleccións municipais de 2015, o Partido Popular foi a forza máis votada e obtivo 7 dos 17 representantes da corporación local.