Partido Popular e Terra Galega xustifican a moción de censura aprobada hoxe, polo desgoberno concello e polo carácter totalitario de José Antonio Ucha Velo.
María Pose:”Foi un ano perdido. Conseguiu paralizar o concello”
A nova alcaldesa de Santa Comba, María Pose asegurou o remate do pleno da moción de censura que “comeza unha nova etapa para Santa Comba, onde se termina a época da ditadura e das mentiras. Imos a gobernar polo pobo e pola nosa Santa Comba”.
Con anterioridade na sesión plenaria, Pose Rodríguez lembrou ó grupo socialista que “a xente votou que o señor Ucha non podía gobernar sen contar co resto dos partidos e fixo caso omiso, porque pensou que o concello lle pertencía e desgobernou ó seu antollo”.María Pose enumerou distintos compromisos e actuacións non realizadas e lamentou que o alcalde saínte non fora capaz de executar “as obras que deixamos aprobadas”.
Para o Partido Popular, neste case primeiro ano de goberno, José Antonio Ucha dedicouse “a publicar propaganda no Facebook” e contratar tres asesorías “que antes criticaba” e destinar 85.000 euros a dietas.”Foi un ano perdido. Conseguiu paralizar o concello” sentenciou María Pose, que criticou que o alcalde non visitara nin un só conselleiro da Xunta de Galicia.
Chisco Ameijeiras:”Esta moción provocouna o alcalde”
A outra parte do novo goberno tamén se expresou en termos críticos. Chisco Ameijeiras insistiu en que “esta moción provocouna o alcalde”. Comentou que o rexedor tivera “dúas oportunidades” e que Terra Galega participou “nun acordo de goberno para darlle estabilidade” e só reclamaba unha certa autonomía nas súas áreas.
“Pero encontrámonos cun yo ordeno y yo mando” lamentou Ameijeiras que detallou distintos aspectos que provocaron a ruptura do goberno como “o desprezo a uns veciños de San Salvador” ou o intento do alcalde de non renovar “o convenio con Cáritas e eu díxenlle que por aí non pasaba”.
Tamén recriminoulle ó portavoz socialista a falta de “diálogo e consenso”.Chisco Ameijeiras aproveitou a súa quenda para respostar as acusacións reiteradas de Ucha de que os concelleiros de Terra Galega non pasara o plus de honestidade:”En honestidade non me chega a sola dos zapatos” increpou o voceiro de Tega.
Na súa exposición de motivos para a moción de censura tamén enumerou “facer uns orzamentos sen falar con ninguén”, “dar subvencións nominativas a entidades doutros concellos” ou “usar a web municipal con fins partidistas para difamar ós demais grupos”.Referiuse ademais ó despedimento dun traballador e a sentenza condenatoria posterior, ou a contratación de asesorías externas.“A súa bandeira é a imposición” afirmou Ameijeiras.