Nunha conversa con Adiante Galicia, o eurodeputado José Blanco denuncia as contradicións do Partido Popular, afirma que “Terra Galega non ten principios” e defende a honestidade e o traballo de José Antonio Ucha Velo.
O eurodeputado socialista José Blanco quixo transmitir desde Adiante Galicia, o seu “apoio ó alcalde de Santa Comba que é vítima dunha moción de despacho contra a vontade dos cidadáns que maioritariamente votaron ao PSOE nas pasadas eleccións”.
Feijóo, cómplice dunha contradición
Neste senso, Blanco López criticou a ”dobre cara do PP” e pensa que Alberto Núñez Feijóo “debería dar explicacións porque do contrario é cómplice dunha situación contradición que ten o PP” porque “predican que debe gobernar a lista máis votada e fan unha moción contra da lista máis votada”.
Está convencido que está moción enmárcase dentro “dunha estratexia dun partido que está cheo de contradicións e que busca coligarse con que faga falta con tal de acadar o poder”.
Terra Galega, un partido sen principios
Con respecto a Terra Galega, o eurodeputado socialista non se sorprende “porque Terra Galega é un partido sen principios” aínda que afirma que tamén debería de dar explicacións ós cidadáns polo seu cambio de postura de apoiar a censurar ao alcalde xalleiro:”Ucha non se rendeu as presións nin as condicionantes que lle querían poñer outros partidos e iso pon en valor a súa honestidade, o seu traballo e o seu compromiso por Santa Comba”.
José Blanco non ten dúbidas que “os cidadáns tomarán nota e volverán a elixir a un alcalde como Ucha que é un magnífico alcalde”. O político de Palas de Rei anunciou unha próxima visita a Santa Comba para visitar a José Antonio Ucha.