Desde Adiante Galicia desexamos a tódolos nosos lectores un feliz 25 de xullo. Imos a compartir un poema dedicado ó noso país. E aproveitamos para agradecer todo o voso apoi neste ano que temos de vida.
“Nos camiños de Brath”
Este país é a crónica dunha viaxe
escrita nos seus vieiros milenarios,
na pel dun camiño eterno
ata o campo das estrelas,
e o mar bretemoso de Fisterra.
Este país é a historia dos barcos saturados,
que levaron ós descendentes de Brath,
a busca-las américas lonxanas,
coas maletas famentas.
e as almas cheas de dúbidas.
Dos sachos cansados, mans encalecidas,
enchendo os sulcos de suor, de sol a sol.
De trobeiros cos seus himnos etéreos,
cando as ondas bicaban o solpor.
Con homes valerosos, espadas prateadas
defendendo a terra, nos campos de batalla,
contra os invasores de patrias estrañas
mentres no días de ferro, a lúa se desangraba.
Dos lobos de mar, coa memoria salgada,
tecendo singraduras nos cadernos de bitácora,
dos menciñeiros sabios, dos bravos arrieiros,
dos gaiteiros coa súas doces melodías.
Con esa fala melosiña que nos namora,
tesouro herdado dos nosos devanceiros,
que respira na leira das palabras,
sinal de identidade que nos atrapa.
De verdes prados, e ríos acugulados
de nubes de encaixe, herbas feiticeiras,
de zanfonas misteriosas, e regueifas espontáneas,
tribo que sobrevive cabalgando polos séculos.

