A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego denuncia que en contra do que di a lei “en ocasións estásenos extorsionando para que vendamos por debaixo dos custes de produción” e tería que ser a administración central e a autonómica a que actuara “con contundencia” para impedir que “a industria nos traslade un prezo ruinoso”.
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” que se emite diariamente en Radio Xallas(107.5 FM) e Fórmula Fun Bergantiños(91.9FM), Isabel Vilalba pensa que a administración “debería de garantir un funcionamento ordenado pero está a ver o que pasa” con claras mostras de “desidia e falta de interese” polos problemas dos produtores de leite.“Estamos nun momento moi importante onde aínda hai marxe de manobra, pero o Ministerio e a Xunta debería de adoitar un papel activo”.
“Abriron a porta aos grandes perceptores de axudas”
Isabel Vilalba tamén se referiu a nova PAC criticando os continuos cambios e as incertezas creadas. “Estamos ante unha nova PAC en marzo e aínda anduveron facendo cambios e faltan datos sobre os importes de axudas”.
Para a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego “renunciaron a resolver cuestión importantes para as granxas e o emprego” e vaise seguir permitindo ser perceptoras de axudas a “persoas que non fan unha actividade agraria”.Outra das demandas de Isabel Vilalba está na base territorial: ”Pero aquí imos en sentido contrario, e permítese a forestación ilegal de terras agrarias”.
Desde o Sindicato Labrego Galego tamén demandan a administración que se apoien ós proxectos de revalorización dos produtos lácteos.
Entenden que hai posibilidades pero ten que haber interese por parte dos gobernos.