Desde a Plataforma Salvemos Cabana inciden en que segundo a lexislación actual, a multinacional canadiana Edgewater perdeu os seus dereitos mineiros en Corcoesto.
Escoita a entrevista de Moncho Varela no programa Na Encrucillada de Fórmula Fun e Radio Xallas. Desde o minuto 21
Despois de anos de polémica e unha loita entre a empresa e os detractores ao seu proxecto, a balanza acaba de desequilibrarse definitivamente, e a empresa de Mr. Salamis perdeu a partida. Ou iso é polo menos o que aseguran desde a plataforma Salvemos Cabana.O seu voceiro, Moncho Varela, remarca que o recente “cambio lexislativo” está moi claro e non deixa lugar a dúbidas: “Cando un proxecto é rexeitado por cuestions técnicas ou económicas, a empresa automáticamente perde os dereitos, e polo tanto Edgewater xa non ten dereitos mineiros por lei”.
“O tema de Edgewater esta finiquitado- indica Varela- Aínda que non quita que nun futuro outra empresa poida intentalo con outro proxecto”.
Para Salvemos Cabana quedou certificada “a morte definitiva deste proxecto e a tranquilidade durante o tempo que sexa”, pero seguen abertos outros frentes de loita como o referido a prohibición do uso do cianuro ou a unha “reforma profunda” da lei mineira en Galicia, campos nos que Varela destacou o traballo que están desenvolvendo desde o grupo parlamentario de AGE.
A multinacional Edgewater, que impulsou a iniciativa industrial por medio da Mineira de Corcoesto, tampouco poderá reclamar danos e prexuizos polo rexeitamento ó seu plan de extracción de ouro en Corcoesto, no concello de Cabana de Bergantiños.Así o confirmou a Comisaria Europea de Comercio Exterior, Cecilia Malmström, nunha resposta a deputada da Alternativa Galega de Esquerda, Lidia Senra. Un segundo golpe en pouco tempo para a factoría mineira.