“Claramente si”. Os imputados deben de dimitir. Sen ambigüidades nin dobres lecturas o deputado de AGE, Antón Sánchez García fala claro sobre este e outros temas.
O deputado da Alternativa Galega de Esquerda pensa con respecto ao debate sobre as medidas que se deben de tomar cos políticos imputados hai que ser contundentes porque “a sociedade esixe clareza e non se pode entrar en matices”.Por si quedaban dúbidas, Antón Sánchez respostou cun “claramente si” a pregunta que lle formularon no programa “Na Encrucillada” (Radio Xallas-Radio Obradoiro 107.Fm), sobre se os imputados deberían de dimitir. Pensa que hai que “asumir responsabilidades políticas a marxe de que haxa responsabilidades penais”.Sánchez pensa que este ten que ser un dos compromisos firmes das forzas de esquerda que queren constituír unha alternativa o bipartidismo.
«O PP ten unha estratexia para poñer en venta o rural»
Antón Sánchez tamén falou sobre a proposta de reforma de lei mineira galega que se vai a debater no vindeiro mes de setembro.”O debate está no modelo de país que queremos. Fronte ao modelo especulativo que se propuxo para Corcoesto, que non crea riqueza, nos pensamos que hai que ter conta as persoas e que os recursos son limitados”.
Para Sánchez García hai unha “estratexia do PP de poñer en venta o rural, para que houbera unha entrada rápida de capital para saquear os nosos recursos, pero no caso de Corcoesto a xente non tragou con ese discurso”.
Denuncia o desmantelamento dos centros de formación agro-forestal
O deputado de AGE e político de Anova tamén denunciou o “desmantelamento” por parte da Xunta de Galicia dos centros de formación agro-forestal xa que “non se cubren as vacantes de persoal e se reduciu o orzamento un 31%”.Tamén alertou de que esta “estafa” se prolonga con casos de “maltrato ao alumnado” e coa eliminación dun ciclo formativo que a partires dagora se ofertará nun centro privado do concello de Coristanco.
Entre outros asuntos, nesta entrevista “Na Encrucillada”, Antón Sánchez tamén valorou o clima que existe no Parlamento de Galicia, destacando por riba dos enfrontamentos verbais as propostas de AGE, a supresión dos partidos xudiciais e o nacemento dunha iniciativa cidadá na Coruña denominada Marea Atlántica, que el mesmo apoia, e que defende unha alternativa política e veciñal ao Partido Popular de Carlos Negreira.
Escoita a entrevista con Antón Sánchez neste enlace
https://soundcloud.com/adiantegalicia/anstonsanchez16vii2014
ADIANTE GALICIA