O sector leiteiro galego bateu no último mes o seu récord histórico de produción con máis de 225 millóns de quilos de leite, pero nun contexto que preocupa polos baixos prezos que se están acadando.“Estamos ante unha caída preocupante que senón se revirte rapidamente pode poñer en serios problemas a moitas explotacións” sinala o xornalista Xoán Ramón Alvite, experto en temas agrarias.
Nestas épocas a estacionalidade repercute nunha baixada de prezos, pero non duns seis céntimos por quilo, como se estiveron dando.”Non se esperaba unha baixada tan grande, porque falar de seis céntimos é unha auténtica barbaridade”.Alvite pensa que vai a ser difícil que haxa un sobrepasamento da cota láctea, xa que ata agora “a xente aproveitou para producir máis” polas boas cotizacións pero no actual escenario será “ moi difícil” que haxa un exceso produtor.
O xornalista de Mazaricos vaticina que o descenso pode continuar pero que “a cousa acabará volvendo ao seu e a partires de setembro haberá unha recuperación” e pensa que se poden situar os prezos entre 36 e 37 céntimos.
Despois xa será cousa das novas regras do xogo e do remate das cotas. De tódolos xeitos Xoán Ramón Alvite pensa que en Galicia o sector está preparado para os novos retos e só lle falta unificar criterios:”Somos unha potencia produtora de leite a nivel europeo pero estamos atomizados e desestruturados”. En Galicia hai unhas 9.500 explotacións leiteiras en funcionamento.