Os nacionalistas aseguran que “unha persoa da candidatura do PP difunde a través das redes falsas acusacións contra o cabeza de lista do nacionalista”.
O BNG anuncia denuncias diante da Xustiza e da Xunta Electoral por unha campaña “con falsas e graves acusacións que se están a distribuír a través de notas en caixas de correos e tamén polas redes sociais”.
Nun comunicado aseguran que “as mensaxes foron difundidas en grupos de whatsapp por parte dunha candidata do PP en Santa Comba, o que poría á vista a intencionalidade dos feitos e o obxectivo político de amedrentar e cuestionar a candidatura do BNG».
«Son completamente falsas e un ataque contra min como candidato do BNG polo que, de maneira urxente, decidín poñer en coñecemento da Garda Civil os acontecementos para que tomen medidas contra os autores», comenta Juan David Sixto.
A coordinadora comarcal do BNG, Elvira Cienfuegos, non dubida en cualificar os feitos de «ataque claramente político que queren poñer en cuestión unha candidatura que se presentou nun acto masivo e estaba a ser apoiada por moitas veciñas e veciños de Santa Comba».
Piden explicacións a Alfonso Rueda
O BNG confían en que se aclaren os feitos a maior brevidade e sexan identificadas as persoas responsábeis do que definen como «un ataque persoal e á liberdade política, ao dereito a presentar unha candidatura» e tamén, se é o caso, «implicación política do partido ao que pertence a persoa que está a difundir as mensaxes».
Neste sentido, esixiron a Alfonso Rueda, que «diga o que opina sobre o tema e, se non está de acordo con este gravísimo ataque na campaña electoral e estas prácticas antidemocráticas, que esixa unha aclaración e tome medidas coas persoas da candidatura implicadas».
Este mércores está prevista unha rolda de prensa do BNG.