10.9 C
Santa Comba
viernes, marzo 29, 2024

Conversa con Xosé Abelenda

Xosé Abelenda é un persoeiro moi coñecido tanto en Galicia (sobor de todo nas comarcas de Xallas e Bergantiños), como en Suíza. Nado en Grixoa de Esternande(Santa Comba) é responsable local de construción, ieso e pintura do sindicato Unia en Biel, tamén controlador de obra, e responsable comarcal de migración do mesmo sindicato en Bienne e cantón Solothurn.

PO ano de 2015 foi bastante intenso no tocante as mobilizacións en Suíza ¿Cómo se presenta este 2016?

R-A verdade é que o pasado 2015 estivemos moi activos en termos de folgas, mobilizacións paros e accións reivindicativas, xa que a situación o requería. Grazas a esas accións conseguimos garantir a xubilación anticipada aos 60 anos no sector da construción e obrigar ás empresas a que paguen polo banco aos traballadores, e aumentar o control co novo convenio para evitar o dumping salarial e a competencia desleal pero a grande decepción foi non lograr introducir un seguro obrigatorio cun regulamento claro para que se poida interromper o traballo en caso de mal tempo, como por exemplo acontece este días coa neve ou xeo. Non semella normal que se traballe con estas condicións por risco de accidente e un impacto negativo na saúde.

O 2016, non creo que sexa un ano de relax, xa que sempre temos temas enriba da mesa. No convenio da Suíza alemá queremos acadar tamén un sistema de prexubilación como existe na Suíza Romanda para os iesistas e pintores. O grupo de loita que constituímos na comarca de Bienne con compañeiros coma José Otero orixinario de Valga, Vilaboa de Santa Comba, entre outros, temos ese soño a concretar neste ano e faremos todo o posible, xa que son traballos moi duros e meréceno.

No mes de marzo, saberemos máis do que vai acontece coa iniciativa aprobada polo pobo suízo para limitar o número de inmigrantes. Nós, o sindicato UNIA como principal organización de migrantes non quedaremos calados.

P-¿Segue sendo Suíza un bo sitio para encontrar unha saída laboral ou a cousa está máis complicada?

R-A economía suíza está estancada, os analistas prevén unha recuperación para o ano 2017, aínda así a taxa do desemprego en Suíza segue sendo bastante baixa, pero o grande problema é a flutuación. A industria está a perder postos de traballo a pasos axigantados debido o franco forte que chegou a acadar mesmo a paridade có euro, iso conleva un grave problema para as empresas exportadoras. A construción sigue a portarse ben, pero xa nos preparamos para un parón, menos mal que o goberno suízo ten reservas para fomentar a obra pública. A libre circulación de persoas orixinarias da unión europea permitiu que Suíza seguira medrando, pero tamén tivo un impacto negativo sobre a precariedade laboral e unha presión constante sobre os salarios.

Por iso son máis que necesarias as medidas de acompañamento, é dicir máis controis e máis sancións, para evitar a competencia desleal e que os traballadores non teñan que traballar só polo caldo. Os sindicatos suízos sempre estivemos a prol da liberdade de circulación xa que cada ser humano ten dereito a ter unha vida mellor, pero sempre respectando a lexislación do país de collida e por exemplo os convenios e leis laborais do noso país.

P-Aínda que nos medios de comunicación o que se visualizan son as protestas, a actividade dun sindicalista e máis completa. Como é o día a día de Xosé Abelenda?

RO día de Xosé Abelenda nunca se repite. O meu traballo consiste en ser unha especie de representante dos traballadores, aparte das mobilizacións e folgas facemos unha grande laboura social, dende informar nunha situación de desemprego, pasando polas pensións,seguros sociais. Organizando os controis e inspeccións de traballo, executando as mesmas, negociación coas empresas e coa patronal, as veces só consiste en escoitar a un traballador que está pasando por unha situación dura. Como responsable comarcal de migración no sindicato UNIA, levo a xestión de actividades informativas e do grupo. A día de hoxe teño moito traballo nesa materia por culpa das iniciativas xenófobas da extrema dereita. Levo dous grupos de traballo, o da construción e o do ieso a nivel local. Organizo cursos de linguas para integrar mellor os traballadores no país e que se poidan valer por si mesmos e evitar así ser asoballados polo sistema. Tamén xa teño participado como intérprete a nivel dos tribunais de traballo ou a nivel interno. Son unha persoa que me gusta estar a pé de obra para escoitar e axudar os traballadores dentro do posible. Sinto e gosto do que fago.

P-Pese que desenvolves a túa actividade en Suíza, non te desconectas de Santa Comba e ves con frecuencia ¿E así verdade?

R-Si, cando podo fago unha escapada á terra onde me criei con meus avós, miña bisavoa e miñas tías, xa que a terra sempre tira. Grixoa de Esternande e Boaña de Arriba sempre formaran parte de min. En Santa Comba estiven tamén activo politicamente e gardo moi bos recordos de eses tempos, foi a miña escola política. Aquí teño unha boa parte das miñas amizades.

P-Como ves a situación política de Galicia e España?

R-A situación política en España ten unha falta de cultura e diálogo e son case os mesmos de sempre, só que agora a tarta é repartida entre catro, dous partidos políticos foron potenciados por medios de comunicación para canalizar o descontento cos políticos actuais. Espero que o cambio non se quede só nunha ilusión, mágoa que agora que se van negociar grandes cousas a nivel estatal, os galegos non temos representación propia no congreso de deputados despois de vinte anos, agardo que a Marea non sexa só unha filial de Podemos e defenda os intereses da nosa nación. Teño envexa dos cataláns e dos vascos, que eles si conseguiron levar ao congreso nesta lexislatura grupos propios.

O estado español ten que descentralizarse e imitar un pouco a Suíza nese senso que é a proba máis evidente que un estado confederal é moito máis eficiente, e a democracia directa ten que estar a orde do día. Non é normal, que por exemplo no caso galego, produzamos unha gran parte da enerxía eléctrica e os galegos non saquemos nada en limpo diso, xa que as meirandes grandes empresas non pagan impostos na nosa terra. Leis como a chamada Lei Mordaza amosa o nivel baixo democrático do estado español. O caso de manter a infanta Cristina de Borbón, con carto público, en Suíza cando está involucrada nunha causa xudicial e onde o fiscal exerce de avogado defensor da infanta en vez defender os intereses de todos os españois, entón significa que facenda non somos todos, e a nobreza e o clero están o marxe da lei. Esperemos que o próximo goberno bote abaixo a reforma laboral que empeora a precariedade laboral dos traballadores. A xubilación os 67 anos é un insulto a intelixencia por varios motivos. Se nunha época de crise se non hai traballo para a xente moza para que traballar ata os 67 anos? e por outra banda traballar até os 65 xa é máis que suficiente, sobre todo nos traballos físicos. Baixemos o IVE e non o IRPF, xa que asi fomentaremos o consumo.
 

A situación política en Galicia é un desastre, temos un presidente da Xunta que rinde pleitesía a Madrid e que non se dá conta da realidade. Os galegos siguen emigrando en masa. Nunca a xente do noso país estivo tan preparada e voltamos a emigrar como antes, triste é o noso destino.Os emigrantes cando retornamos non recibimos prácticamente ningún apoio do goberno galego nen a asistencia sanitaria gratuita temos garantida.Ben, ao contario, Facenda fixo pagarlle impostos aos emigrantes retornados mesmo con efecto retroactivo e multas considerables.

Parece que esquecemos que o crecemento da nosa terra, boa parte deste foi sostido cos cartos dos nosos emigrantes que tiveron que abandonar as súas familias. Necesitamos igualdade de tratamento fiscal para todos, o sistema de dous pagadores ten un efecto letal mentres as multinacionais ou a igrexa non pagan o que deberían. Sei ben, que facenda non é unha competencia da Xunta pero podería presionar para que as tornas muden.

Galiza ten que potenciar a industria e a investigación, precisamos de xestionar os nosos recursos, senón seguiremos a emigrar, e acabemos co autoodio, son galego falante e domino varias línguas e síntome orgullloso da miña terra e da língua de Rosalía.

Cuestionario

Comida favorita-

Ameixas á mariñeira e como sobremesa as orellas

Lugar favorito-

A nosa costa, o noso mar

Un grupo ou artista-

Andrés do Barro, cantou en galego e ao máximo nivel e sentido a terra. SES, un novo estilo e con raiba.

En francés, Renaud, acordádonse da DAME DE FER

E en italiano moi difícil, encántame a música italiana, quedareime logo con Toto Cotugno

unha bebida-

Zume de pexego

Un libro-

En galego, o Lapis do carpinteiro de Manolo Rivas e en francés L’étranger de Albert Camus

Un filme

La vita è bella, en versión orixinal, moito mellor e o filme LOS FENOMENOS que retrata o problema do ladrillo.

 

@AdianteGalicia

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos