O candidato á Presidencia da Xunta por Compromiso por Galicia,Xoán Bascuas, estivo hoxe de campaña pola cidade da Coruña e nun acto público desenvolvido diante da sede de Abanca, nos cantóns propuxo a creación dun Instituto Público de Crédito destinado a ofrecer financiamento a novos emprendedores e empresas galegas.
A entidade xurdiría, segundo Bascuas, da fusión do actual Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Sociedade de Capital de Risco de Galicia (SED). Segundo o candidato galeguista esta institución tería como finalidade “asumir a función de abastecer de crédito tanto a pequenos emprendedores como a entidades de maior dimensión que queiran consolidarse”.
Para Xoán Bascuas é fundamental “recuperar desde o público o espíritu orixinal das caixas de aforro, que non só cumprían unha función económica, senón tamén social, xa que tiñan un compromiso co país, igual que a entidade que nós propoñemos”.Na súa visita a cidade herculina tamñen propuxo a creación dun Observatorio para a Internacionalización de Productos e Servizos xa que “é evidente que o mercado galego ten que ir fóra se quere dimensionarse”, argumentou.
Día do Compromiso Galego
Este sábado, desde as 12 do mediodía, os militantes de Compromiso por Galicia celebran o Día do Compromiso Galego que terá como punto de encontro o Castelo do Castro, no concello lucense de Alfoz, e onde haberá distintas actividades culturais e un acto político onde participarán entre outros o candidato por Lugo, Juan Carlos Piñeiro e o aspirante á presidencia da Xunta, Xoán Bascuas.
A última cita programada para este venres por Bascuas era precisamenre un mitin en Pontevedra, acompañado polo alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, e o candidato pola provincia, Andrés Núñez Rajoy.