O candidato de En Marea defende a solidariedade, a democracia e a xustiza social.
Luís Villares foi presentado oficialmente como o candidato de En Marea, un partido instrumental xa rexistrado, que acolle a distintas forzas políticas e persoas a título individual. Foi o único candidato que participou no proceso de primarias e así foi presentado nun acto en Santiago de Compostela:”É o único candidato, o candidato de consenso, do que estamos todos e todas orgullosos» manifestou o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. Agora o 16 e 17 elixiranse os compoñentes das listaxes das catro provincias.
Nun acto no que estivo apoiado por membros da coordinadora, e no que non faltou Xosé Manuel Beiras Torrado, Villares asegurou que será “o candidato de toda a confluencia, os que están xa e os que aínda non están integrados pero que se sumarán. Son simplemente a portavocía, a voz humilde que represente a cidadanía galega en clave solidaria, comprometido coa democracia e a xustiza social”.
Mensaxe de Luís Villares
Xa como un dos aspirantes á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares lanzou a seguinte mensaxe á sociedade galega:” Aos que aínda non poden votar dicirlles que loitaremos por un sistema educativo que lles permita ter futuro e vivir con dignidade na nosa terra unha vez rematen os seus estudos. Aos que están traballando dicir que loitaremos por unhas condicións laborais xustas e que cando non podan traballar que saiban que estamos aquí tamén para os respaldar. Aos que queredes ser pais e nais, queremos que teñades un clima social e económico que vos permita exercer con libertade a vosa paternidade e maternidade. Aos desempregados queremos que podades facelo en condicións de dignidade. Aos autónomos e pequenas empresas dicirlles que imos defender ferreamente todos os sectores produtivos do noso país, imos defender a viabilidade económica do noso país, queremos producir e non vivir sempre subvencionados. E a todos e todas aqueles que xa traballaron, que xa deixaron o lombo, dicirlles que nós si garantimos o pago das prestacións por dependencia, que imos garantir o complemento de carácter asistencial no caso de que as pensións non cheguen. E sobre todo que nós si imos garantir que vosos netos e netas teñan un futuro digno no noso país».